Os hoteleiros detectan un aumento de turistas europeos e americanos en Pontevedra
Por Redacción
Desde hai cinco anos, recoñecen desde o sector, os datos de afluencia de turistas a Pontevedra non deixan de crecer. Hai un incremento progresivo de actividade e de resultados que fai que sexan moderadamente optimistas con respecto ao futuro.
Así, os hoteleiros teñen detectado o perfil do visitantes que medra, un visitante internacional, sobre todo europeos pero tamén americanos e cun nivel adquisitivo medio e medio-alto.
Co obxectivo de continuar avanzando nese camiño, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, mantiveron unha xuntanza de traballo coa Asociación de Hoteleiros de Pontevedra.
Na reunión, desenvolvida nun clima distendido e participativo, constatouse a "boa saúde" do sector, destacando o posicionamento estratéxico de Pontevedra no mundo, a aposta pola desestacionalización e a importancia do Camiño Portugués a Santiago.
De cara os próximos meses, o Concello avanzou que prepara dúas accións inmediatas para avanzar na promoción turística da cidade.
Por unha banda, ultima un plan de formación en idiomas coa vista posta na celebración do Festival Multideporte de triatlón, que reunirá en Pontevedra a atletas de todo o mundo; e unha estratexia de promoción do Camiño Portugués a Santiago co horizonte do 2021.