A provincia de Pontevedra rexistrou un 64% de ocupación hostaleira media na ponte da Constitución
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que durante os días festivos da ponte da Constitución rexistrouse un 64% de ocupación hostaleira media na provincia.
Segundo sinalou Carmela Silva, nestes dous últimos anos detectaron un "cambio de tendencia" na percepción de Rías Baixas como un destino "unicamente estival" apreciándose un incremento de turistas "nas diferentes épocas do ano", como foi o caso da última ponte festiva.
Así o Observatorio de Turismo Rías Baixas constatou un crecemento de seis puntos na ocupación hostaleira en determinados momentos do ano como na Semana Santa, a ponte de maio, e de novo repetiuse este mes de decembro "cuns resultados espectaculares que confirman esta tendencia" superando en 14 puntos os resultados conseguidos o pasado ano.
A cidade de Vigo tivo uns resultados "imposibles de mellorar" cun "cheo absoluto" reflectido no 100% de ocupación, que se afectou a toda a súa comarca cun 95% de ocupación.
"O propio sector fala dunha ponte histórica cando ata agora tratábase de tempada baixa", indicou Carmela Silva. "E non só son os hoteis, tamén o comercio e a restauración", agregou.
Segundo comentou a presidenta da Deputación, na iluminación do Nadal de Vigo "fíxose un investimento e non un gasto como están a apuntar os datos"
Na comarca de Caldas a media de ocupación situouse no 92%, o Salnés 68%, Pontevedra comarca 65%, O Condado- Paradanta 60%, Deza-Terra de Montes 51%, Baixo Miño 46%, Morrazo 34%.
O dato de ocupación do Turismo Rural en toda a provincia chegou ao 40%, cinco puntos máis que no mesmo ponte do 2017.
En canto ás vivendas de aluguer turístico alcanzouse o 100% en Sanxenxo grazas á celebración do evento A Lanzada Ocean Race, e Vigo "motivado pola gran afluencia de persoas para ver a iluminación de Nadal". No resto de localidades a media foi do 35% de ocupación.
O Observatorio de Turismo Rías Baixas tamén situou a media de ocupación na provincia durante o mes de novembro de preto de 50%, similar ao do ano pasado. O turismo rural viviu neste mes un incremento de case 9 puntos respecto ao ano anterior pasando ao 20,12 este ano de media na provincia.
O perfil do turista que visitou a provincia en novembro indica que o 87% eran persoas españolas. En canto á procedencia do visitante internacional a maioría proviña de países como Alemaña, Portugal, Arxentina, Francia e Reino Unido.
O 50% dos turistas que acudiron ás Rías Baixas no mes de novembro tiñan entre 35 e 60 anos de idade, o 48% aloxouse en hoteis, cunha estancia media de entre 4 e 6 días e o 46% chegaron ata Pontevedra motivados polo lecer e a cultura.
Relacionadas:
-
Os hoteleiros detectan un aumento de turistas europeos e americanos en Pontevedra
Por Redacción |
-
O turismo dispárase en decembro cunha ocupación dez puntos superior a 2017
Por Redacción |
-
Carmela Silva propón que as administracións impulsen estratexias de promoción turística conxuntas
Por Oskar Viéitez |
-
Conceden 130.000 euros en axudas para promover actividades turísticas en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación presenta o novo modelo de oficinas de turismo "Info Rías Baixas"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |