A Deputación creou 5.792 postos de traballo a través do Plan Concellos en case catro anos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que a través do Plan Concellos "creamos 5.792 postos de traballo" nestes case catro anos de goberno do PSdeG e o BNG na administración provincial.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra celebrada este luns avanzou na achega de fondos á liña 3 do Plan Concellos, destinada ao emprego, con adxudicacións por un valor de 7,3 millóns de euros.
Segundo informou en rolda de prensa Carmela Silva, a pasada semana xa se aprobaron axudas destinadas a sete concellos e hoxe foron 49. Tan só falta por aprobar a axuda presentada polo concello de Ponteareas para contratar a 43 persoas, "que xa a solicitou pero non deu tempo a aprobala" polo que irá na orde do día da próxima reunión da Xunta de Goberno provincial.
A dotación que o orzamento da Deputación reserva para esta liña de emprego do Plan Concellos supera os 9 millóns de euros.
Este ano 2019 son xa 56 concellos da provincia de Pontevedra os que van poder contratar a 954 traballadores. Non pediron axudas Catoira e Valga, xa que decidiron destinar estes recursos a outros investimentos.