17 empresas presentan ofertas para realizar o viario peonil e ciclista entre Major e Portonovo
Por Redacción
17 empresas aspiran a realizar as obras de creación dun viario peonil e ciclista na estrada PO-308, no municipio de Sanxenxo, entre as praias de Major e Portonovo.
Estas obras, que corren a cargo da Consellería de Infraestruturas, contan cun investimento de preto de 3,4 millóns de euros e van centrarse na elaboración dunha nova senda, ao longo de 5 quilómetros.
Entre as melloras previstas está contemplada a reforma das principais interseccións de acceso ás praias neste tramo entre Major e A Lanzada. Neste sentido, está prevista a creación de rotondas que permitan cambios de sentido aos automóbiles.
Tamén van ampliarse as paradas de autobús, que eviten que os vehículos se deteñan. Está previsto instalar sistemas de recollida de augas e de canalizacións para que, no futuro, se establezan redes de telecomunicacións e de electricidade.
Xunto aos dous tramos xa rematados anteriormente, este novo itinerario permitirá que a veciñanza conte con 11 quilómetros polos que se poderá camiñar con seguridade.