Cerdedo-Cotobade prepara tres melloras en pistas de Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar os traballos de restauración do camiño de acceso ao lugar de Pazos, na parroquia de Carballedo, que é unha das primeiras obras finalizadas do Plan de Vías 2019 deseñado para a capital municipal. Por este motivo, o presidente local, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para supervisar o resultado e anunciou que nas vindeiras semanas se acometerán as demais actuacións proxectadas na rede de pistas municipais desta parroquia.
A mellora da vía interior de Pazos, que permite conectar o lugar co núcleo urbano da Chan, consistiu na construción dunha potente soleira de áridos e a instalación de mallazo metálico na súa base co obxectivo de facela máis consistente e evitar así o seu rápido deterioro pola escorrentía das augas ou as cargas de tráfico de vehículos. Ademais, a actuación completouse coa construción de canalizacións de augas e unha capa de rodadura en formigón.
O Plan de Vías de Carballedo está orzamentado en 120.000 euros e contemplaba a apertura dun novo e amplo vial na parte posterior do colexio público e este acceso de Pazos –ambos xa rematados e visitados por Cubela–, así como as vindeiras actuacións nas estradas cara as zonas residenciais dos lugares de Atalaia e Trabazo e a conexión da parcelaria en Igrexa.
Estas tres próximas obras en pistas incluirán a limpeza de marxes e apertura de cunetas en todos os casos. A continuación, en Trabazo instalarase pavimentación en formigón, acometerase o recrecido de tapas e solucionaranse os entronques; na zona da parcelaria dotarase dunha base de zahorra artificial e unha capa de rodadura en quente; e en Atalaia tamén se asfaltará con mistura bituminosa e se executará o recrecido de tapas.
O rexedor local destacou que as dúas obras realizadas e as proxectadas "van deixar a trama urbana e as conexións da parroquia en perfectas condicións" e destacou o "forte investimento que estamos a realizar en Carballedo e que aínda se vai multiplicar cos máis de 600.000 euros para a humanización da Chan, que suporá unha revolución estética e funcional da parroquia".