O TSXG confirma a condena de 19 anos de cárcere a un home que abusou de dúas fillas da súa parella
Por Redacción
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que condena a 19 anos de cárcere e a 13 anos de liberdade vixiada a un acusado de agredir e abusar sexualmente das dúas fillas da súa parella cando eran menores de idade, entre outubro de 2012 e xullo de 2015. O sospeitoso aproveitaba que se encargaba do coidado das nenas cando a súa nai ía traballar para abusar delas.
O TSXG destaca que a resolución apelada polo imputado é "coherente e racional na valoración da proba" e resalta que "contén no seu desenvolvemento as razóns que levan á sala a considerar reais os feitos que foron declarados probados".
O tribunal fai referencia á "ausencia de incredibilidade subxectiva" do relato da menor que denunciou os feitos. Ademais, salienta que o seu testemuño está avalado pola proba pericial psicolóxica, que descarta "a presencia de sentimentos de vinganza, resentimento ou odio", ademais de rexeitar "a existencia de presións para testificar de maneira mendaz ou a presencia dalgunha vantaxe ou ganancia secundaria".
O testemuño, segundo o fallo, carece de "contradicións ou incoherencias".
A sentenza tamén considera acreditado que o acusado se prevaleceu "desa facilidade para perpetrar o delito derivada da súa posición na estrutura familiar na que vivían as agredidas".