Prisión sen fianza para seis dos 21 detidos no alixo de 3.400 quilos de cocaína da operación Albatros
Por Natalia Puga
A titular do Xulgado de Instrución número 6 de Vigo decretou o ingreso en prisión comunicada sen fianza para seis das 21 persoas detidas nos últimos días no marco da operación Albatros, a maior redada contra o tráfico de drogas do último ano en España e que permitiu frustar a entrada nas costas galegas de 3.400 quilos de cocaína. O alixo foi intervido en alta mar a bordo dun pesqueiro que viaxaba entre Venezuela e as illas Azores e que tiña como destino final Galicia.
Ao longo deste venres pasraon a disposición do Xulgado de Instrución número 6 de Vigo sete dos 21 detidos e a xuíza enviou o centro penitenciario da Lama a seis deles, quedando o sétimo en liberdade con cargos. Entre os que están xa en prisión encóntrase o vilagarciano Marcos Vigo e o suposto enlace venezolano en Galicia.
O fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, solicitou o ingreso en prisión dos seis procesados atribuíndolle os delitos de tráfico de substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de extraordinaria importancia, pertenza a organización delituosa e uso dun buque.
Fontes da investigación indicaron que a organización galega que planificou o alixo estaba dirixida polo vilagarciano de 36 anos Juan Marcos Vigo, José Luis Viñas Morgade 'Manzanita' e un detido do que ata agora non transcendera a identidade, o narcotraficante de Sanxenxo Antonio Carballa, segundo puido saber PontevedraViva.
Carballa acaba de ser condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra a cinco anos de prisión e unha multa de tres millóns de euros por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico. No xuízo celebrado na Sección Cuarta o narcotraficante lamentara que o seu pasado salpicase a súa familia e asegurara que dende o ano 1995 non estaba relacionado co tráfico de drogas. Menos dun mes despois da súa condena xunto á súa muller e a súa filla, volveu ser detido.
Un dos detidos é o narco de Sanxenxo Antonio Carballa, recén condenado pola Audiencia
O primeiro dos arrestados en pasar a disposición xudicial foi o cidadán venezonalo que supostamente representaba á organización de narcotraficantes sudamericana que organizou o enviou da droga dende Venezuela a España. O resto dos detidos en terra serían os líderes da organización que daba soporte en Galicia ao desembarco e posterior distribución da droga intervida.
O arrestado seguiu a mesma tónica que a maioría dos detidos que foi posto a disposición xudicial este venres, aterse ao seu dereito a non declarar. Peso a todo, transcendeu que actuaba de enlace da rede exportadora da droga en Galicia e tras a aprehensión do pesqueiro Rippide en alta mar na madrugada do 29 de xuño comprou un billete de avión para fuxir a Caracas. Arrestárono xa no aeroporto e tras el chegaron ao resto de detidos.
Este venres tamén declarou e ingresou en prisión Marcos Vigo, un individuo vinculado por familia política ao clan de narcotraficantes de Los Charlines ao que se lle vinculaba co mundo do narcotráfico, tiña antecedentes, pero nunca fora arrestado por actividades relacionadas co tráfico de drogas. Se pola desaparición de Fernando Caldas en 2005, se ben a Audiencia Nacional o absolveu.
A xuiza de Vigo enviou a prisión o vilagarciano Marcos Vigo
O detido venezolano foi arrestado na provincia da Coruña e o resto das detencións repartíronse entre Ourense e as Rías Baixas, en concreto, en Vilagarcía de Arousa, Cambados, Vigo e Santa María de Oia. En Cambados foi arrestado outro dos presuntos líderes da organización galega desarticulada, José Luis Viñas Morgade, coñecido como 'Manzanita', xa detido na 'operación Nécora' do ano 1990.
O resto dos 16 arrestados en terra firme prestarán declaración ao longo do fin de semana e nos próximos días será a quenda dos cinco detidos en alta mar: o capitán coreano e os catro triputantes indonesios do pesqueiro de bandeira senegalesa Rippide no que se encontrou o alixo.
O buque viaxa rumbo ao porto de Vigo cargado con 3.400 quilos de droga en fardos custodiado polo buque Petrel de Vixilancia Aduaneira e chegará a terras pontevedresas dentro dunha semana ou dez días. Aínda que as primeiras informacións policiais falaban de que levaba abordo 2.500 quilos de cocaína, un rexistro posterior elevou preto dunha tonelada máis a cantidade de estupefaciente intervida.