Comisións Obreiras denuncia que o Concello deixa desatendidas ás persoas maiores e aos dependentes
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras denunciou que o Concello de Pontevedra deixa desatendidas ás persoas maiores e aos dependentes en casos urxentes ao finalizar o contrato con Galaurea o pasado 1 de xaneiro.
Esta empresa dedicábase á prestación de tarefas de carácter doméstico ou persoal en domicilios, en relación a persoas asistidas de urxencia pola Policía Local a consecuencia de avisos por caídas fortuítas ou solicitudes de axuda de calquera tipo.
O portavoz da sección sindical de Comisións Obreiras no Concello de Pontevedra, Antonio Milleiros Jorge, asegura que "o persoal de policía non ten nin a preparación nin a cualificación necesaria para este tipo de atención", polo que esta contratación resolveu en gran medida a problemática existente.
Comisións Obreiras esixe ao Goberno Local que recupere "inmediatamente" a asistencia social de 24 horas e advirten que poñerán os feitos en coñecemento da Fiscalía "no caso de que o Goberno Local pretenda deixar esta situación cunha atención policial e non social como é a súa obrigación".