O sindicato de Enfermería Satse Galicia reclama máis profesionais e medios para atender os casos de gripe en Urxencias
Por Redacción
O sindicato de Enfermería, Satse, en Galicia emitíu un comunicado denunciando os problemas que están a afrontar os profesionais nos servizos de Urxencias durante os últimos días nos hospitais públicos debido ao incremento de persoas que acoden aos centros hospitalarios con afeccións gripais.
Sinalan que os pacientes rematan en padiolas e en cadeiras de rodas polos corredores das instalacións, con esperas de resultados superiores ás 48 horas sen cortinas ou biombos que permitan un mínimo de intimidade. Denuncian tamén que, en ocasións, ante a falta de previsión os acompañantes rematan por sentarse no chan.
A esta situación de falta de medios, o sindicato Satse suma que o persoal de enfermería atópase baixo mínimos e reclama a contratación de máis profesionais para poder dar unha mellor cobertura a estas urxencias.
Lembran, ademais, que Galicia aínda non se atopa no pico forte de presenza de virus gripais. Por este motivo, Satse Galicia pregúntase que pasará cando cheguen a niveis epidémicos de gripe, tal como ten previsto Saúde Pública que suceda a partir do 20 de xaneiro. Acusan a Consellería de Sanidad de falta de previsión para facer fronte a estas situacións.
Este sindicato continúa coa súa campaña de recollida de sinaturas que apoien a Iniciativa Lexislativa Popular para presentar no Congreso dos Deputados reclamando o aumento do persoal de enfermeiras nos centros sanitarios de Galicia.
Relacionadas:
-
Satse denuncia que a dirección da área sanitaria "ignora e desatende" as demandas de enfermería
Por Redacción |
-
O sindicato SATSE traslada ás institucións a necesidade de máis persoal de enfermería
Por Redacción |
-
A gripe mantén hospitalizadas seis persoas no CHOP
Por Redacción |
-
Aumentan os casos de gripe en Urxencias, pero só hai cinco pacientes hospitalizados en Montecelo
Por Redacción |
-
Unhas 50.000 persoas xa se vacinaron contra a gripe nesta área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Alerta para os pacientes de gripe: Urxencias hospitalarias debe ser o último recurso
Por Anxo Lourido |