Decretan orde de afastamento mutua para unha parella que pelexou cun bebé en brazos
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa decretou a posta en liberdade dunha parella detida durante a fin de semana por presuntamente pegarse mutuamente durante unha pelexa no domicilio familiar mentres a moza tiña en brazos un bebé de 11 meses.
Aínda que a denuncia inicial recollía que o menor resultou ferido, fontes policiais indican que nun primeiro momento a exploración médica realizada non constatou a existencia de lesións. Si se considera acreditado que estaba entre eles durante a pelexa e mentres se golpeaban un ao outro.
Ambos foron detidos durante a fin de semana e pasaron a noite na Comisaría da Policía Nacional, ata que na mañá deste luns pasaron a disposición do Xulgado de Garda. Tras quedar en liberdade, e sen que abandonasen o xulgado, ambos foron sometidos a un xuízo rápido.
Tras esa vista oral, decretouse para ambos unha sentenza condenatoria como autores dun delito de violencia no ámbito familiar. Impuxéronlle 40 días de traballos en beneficio da comunidade, a privación do dereito á tenencia e porte de armas durante dous anos e a prohibición de aproximarse, un ao outro, a unha distancia inferior a 150 metros durante catro meses.
Respecto ao menor que se viu inmerso na pelexa entre os seus pais, non se adoptou ningunha medida xudicial, pero o caso púxose en coñecemento dos servizos sociais por se correspondese tomar algunha medida administrativa, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Os detidos son un home e unha muller de 20 e 24 anos anos que residen co seu bebé nun piso da avenida de La Marina de Vilagarcía xunto á irmá dun deles e os dous fillos menores desta, de 7 e 14 anos. A tía do bebé alertou á Policía da pelexa e quen se fixo cargo do menor tras a detención dos seus pais.
O bebé foi trasladado ao Hospital do Salnés e examinado.