Unha pedra de grandes dimensións despréndese da fachada da librería El Pueblo na rúa San Román
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Unha pedra de grandes dimensións desprendeuse da fachada da librería El Pueblo na rúa San Román.
O suceso tivo lugar este martes sobre as 11.30 horas.
A pedra, duns 70 quilos de peso segundo os bombeiros, formaba parte da base da balconada do segundo piso deste inmoble, situado na confluencia da rúa San Román coa praza da Ferrería.
A pedra impactou moi preto dunha viandante que co susto caeu ao chan. Esta muller foi atendida polo persoal dunha ambulancia queixándose de dor nun brazo e unha perna. Non foi necesario o seu traslado.
Dáse a circunstancia de que a librería El Pueblo está pechada este martes por defunción dun dos seus antigos propietarios, o que evitou a presenza de clientes na zona. Se que está aberta a tenda de roupa "Hope", lindeira coa librería.
Os Bombeiros de Pontevedra interviñeron na fachada para asegurar o resto de elementos e evitar novos desprendementos.
O andar no que se atopaba o balcón está deshabitado neste momento.
O servizo de Arquitectura municipal acordou apear todo este corpo voado e, seguindo o procedemento de emerxencia, contactou coa empresa ACEVI que será a encargada de facer estes traballos que xa comezaron co apuntalamento do balcón garantindo a entrada ao edificio. Seguidamente continuará coa retirada do balcón.
Ao mesmo tempo, tamén se actuará no primeiro arco da praza da Ferraría -o máis inmediato ao número 10, onde se atopa o establecemento comercial Clarita- pero que da á fachada da rúa San Román. Na visita os técnicos municipais detectaron unha greta importante e ante o temor que as baixas temperaturas poidan causar danos maiores no espazo público, acordouse o seu apuntalamento. Neste momento non está autorizado pasar por debaixo deste arco.
O Concello agarda que as obras de retirada e apuntalamento poidan facerse canto antes e poder volver a abrir a rúa con normalidade na xornada do mércores ou o xoves. Mentres, os clientes e veciños deberán achegarse á rúa San Román pola praza da Verdura.