Contratan obras de emerxencia no edificio da rúa San Román do que se desprendeu unha pedra de grandes dimensións
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra acaba de contratar obras de emerxencia para garantir a seguridade no edificio da rúa San Román coñecido porque no seu baixo está a librería El Pueblo e que a semana pasada protagonizou un desafortunado incidente co desprendemento dunha pedra de grandes dimensións dun balcón do terceiro piso.
O voceiro do goberno local, Raimundo González, informou que a xunta de goberno local decidiu estes luns contratar as obras pola procedemento de urxencia á vista dun informe técnico que recolle que "existe un risco certo cara a cidadanía".
As obras necesarias afectan ao propio edificio do número 1 da rúa San Román e tamén ao colindante, situado no número 10 da praza da Ferrería. No inmoble de San Román é necesario proceder á demolición de todo o peche do balcón da terceira planta do edificio e ao peche posterior dos ocos da segunda planta na fronte á rúa. No inmoble da Ferrería é necesario apear -baixar a pedra- o arco lateral.
Dado que o Concello non conta cos medios persoais nin materiais para asumir a execución das obras necesarias, contratáronse á empresa Acevi por un importe total de 9.755,01 euros. As obras no edificio de San Román supoñen 8.480,70 euros e as da Ferrería, 1.274,31. A factura pagaraa o Concello, pero pasaráselle aos propietarios do inmoble, que son responsables de asumilas.
Como primeira medida de seguridade, o propio dia do suceso, o pasado 8 de xaneiro, xa se procedeu ao valado da zona afectada, impedindo o paso peonil e o tráfico rodado na zona. Ao día seguinte, o xefe do servizo de disciplina urbanística, medio ambiental e policía administrativa emitiu un informe coa necesidade de acometer obras para garantir a seguridade de persoas e bens e sinalaba que "non permiten demora".
Ademais, existe un informe da arquitecta que realiza as labores de inspección, a instancia dos bombeiros que atenderon a continxencia o pasado día 8, no que se especifica que se trata dun suposto de obras de emerxencia, pois "a situación entraña un grave perigo, e compromete a seguridade de bens e persoas".