Investigan unha denuncia por agresión sexual nun domicilio de Marín a fin de semana
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Xulgado de Instrución número 2 de Marín e a Policía Nacional manteñen aberta unha investigación para aclarar unha denuncia por unha agresión sexual rexistrada nesta localidade durante a fin de semana. O agresor atópase en liberdade, pero en calidade de investigado.
Os feitos ocorreron o pasado sábado día 5 nun piso de Marín no que ten fixado o seu domicilio o presunto agresor, pero aínda non puideron establecerse o sucedido porque os dous implicados achegan dúas versións diferentes. Ambos os dous coinciden en que se coñecían previamente como amigos e que ese día se citaron para verse, pero discrepan no que sucedeu a continuación.
A presunta vítima presentou unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional da localidade asegurando que el a obrigou a manter relacións sexuais completas mentres que o suposto agresor recoñece que si mantiveron o encontro sexual, pero nega que a obrigara a facer nada, senón que foi todo consentido.
O presunto agresor foi detido o propio día dos feitos e pasou dúas noites nos calabozos da Comisaría de Marín, ata que á primeira hora deste luns 7 foi posto a disposición xudicial. Tras comparecer ante o xuíz titular do Xulgado número 2 da localidade, en funcións de garda, decretouse a súa posta en liberdade sen fianza. O home abandonou o edificio xudicial a pe e sen ningún tipo de medida de seguridade.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que o xulgado solicitará a práctica de novas probas, de modo que o sospeitoso continúa en calidade de investigado por un presunto delito de agresión sexual.
Fontes da Comisaría confirmaron que os axentes da Policía Nacional de Marín xa practicaron tamén varias dilixencias o propio día da detención no domicilio no que ocorreron os feitos.