Pintadas contra o alcalde en García Camba: "Lores mafia" e "+Negociación -Imposición"
Por Redacción
"Lores mafia" e "+Negociación -Imposición". Estas dúas mensaxes apareceron este xoves escritos sobre o asfalto da rúa García Camba, claramente dirixidas ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e aparentemente enmarcadas no conflito laboral que se vive desde hai meses entre os funcionarios e o Concello en relación coa negociación da nova Relación de Postos de Traballo (RTP).
Ningún colectivo ou persoa reivindicou a autoría destas pintadas, pero o contido das mesmas coincide coas mensaxes que lanzaron nos últimos meses diversos colectivos de traballadores municipais, en especial, un sector da Policía Local de Pontevedra, que acusa o goberno local de falta de actitude negociadora en relación coas súas demandas sindicais.
O alcalde pontevedrés referiuse ás pintadas este xoves a preguntas dos medios de comunicación e non quixo acusar directamente a ninguén pola súa autoría, pero si indicou que "xa se ve de onde ven" e insinuou que procede dalgún funcionario ou colectivo de funcionarios.
Unha das pintadas pide máis negociación e, en opinión de Lores, non deixa lugar a dúbidas, refírese á negociación entre o Concello e os seus traballadores. "Refírense á negociación do Estado con Cataluña? Son os independentistas cataláns?", preguntou de forma retórica o alcalde, que lembrou que non é a primeira vez que algúns colectivos sociais contrarios á súa política municipal fan pintadas dirixidas a el. Xa non é a primeira vez que lle chama, por exemplo "alcalde do paro".
A preguntas dos medios de comunicación sobre as persoas que hai detrás desas pintadas, Lores respondeu "eu non son policía" e chamou a atención sobre o feito de que este tipo de actuación "é unha forma de presionar" e que "hai xente que ten máis capacidade de presión que outra e tenta aproveitala".
A pesar desa presión, o alcalde quixo lanzar un aviso a navegantes: "Os criterios que están máis o menos ditos de sempre son públicos e notorios e, desde logo, eses criterios non se van variar por ningún tipo de presión nin moito menos por unhas pintadas".
Non quixo aclarar se as mensaxes escritas en cor branca se van borrar, pero si quixo deixar clara a súa aposta pola liberdade de expresión. "A min non me molesta que a xente se manifeste nin que leve pancartas nin diga o que queira dicir", lembrou Lores, que mostra o seu "respecto absoluto" pola opinión da xente.
Iso si, convencido de que os autores son funcionarios, insiste en que "o respecto polo espazo público e o mobiliario urbano teno que ter todo o mundo e máis se é funcionario" e en que a persoa que o faga será castigada e, se se pescuda a súa identidade, pasaráselle a facturä de limpalo. Na súa opinión, un funcionario "ten unha responsabilidade de máis porque forma parte dá administración".