Comisións Obreiras demanda o Concello polos seus "abusos laborais" cos policías locais
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras presentou unha demanda xudicial contra o Concello de Pontevedra polo que consideran que son "abusos laborais" e "ataques sistemáticos" contra os dereitos do persoal da Policía Local.
Esta demanda, que segundo CC.OO. foi admitida a trámite, presentouse despois de que o goberno municipal desestimase por silencio administrativo os recursos presentados por numerosos axentes a título persoal e pola negativa para negociar unha solución de consenso.
CC.OO. fundamenta a demanda principalmente na "falta de negociación" existente no corpo policial para "gozar os seus dereitos", protexer a seguridade e a saúde do seu persoal e non respectar a igualdade co resto de traballadores municipais.
Ademais, denuncian que non se implantaron cuadrantes de servizos que teñan en conta as necesidades especiais en datas e eventos periódicos e respecten os días de descanso; ou que se fixo un uso "abusivo, excesivo e habitual" de horas extraordinarias.
Aos axentes da Policía Local, engade o sindicato, "prívaselles por norma" dos permisos e os descansos legalmente previstos, non se respecta o descanso entre quendas, dispóñense xornadas nocturnas superiores ás establecidas por lei ou se ditan servizos mínimos que non son posibles cubrir co persoal que existe.
Comisións Obreiras considera que estes feitos son "tan evidentes e da gravidade" que provocan "numerosos problemas" de conciliación familiar e afecta á seguridade e saúde do persoal, que xunto ao conflito laboral existente, "xera un clima laboral malo".
Relacionadas:
-
Pontevedra contratará unha ducia de axentes para cubrir xubilacións na Policía Local
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello reserva 370.000 euros para asumir o aumento salarial dos seus traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
Pintadas contra o alcalde en García Camba: "Lores mafia" e "+Negociación -Imposición"
Por Redacción |
-
Piden o traslado da Policía Local ante as deficiencias atopadas por Inspección de Traballo no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |