Ceos despexados e moito frío nas Rías Baixas para recibir 2019
Por Redacción
O ano 2019 chegará ás Rías Baixas coa mesma previsión meteorolóxica que remata este 2018, con ceos pouco anubrados ou despexados e momentos de moito frío. Tocará gardar os paraugas e botas de auga e sacar os abrigos, bufandas, gorros e guantes, pois as temperaturas mínimas empezaron a baixar durante a fin de semana e manteranse en valores similares ata o remate da primeira semana do ano.
Segundo as previsións de Meteogalicia, durante toda a semana as temperaturas serán baixas para as mínimas e altas para as máximas en relación ao agardado para este período. Así, para este último luns de 2018 agárdanse mínimas de 2 graos e máximas de 19 mentres que no primeiro día de 2019, este martes 1, as mínimas mesmo baixarán ata 1 grao e as máximas poderán chegar a 18.
O frío manterase ata o venres 4 de xaneiro, con 4 graos de mínima e 15 de máxima e, xa a medio prazo, as mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas descenderán moderadamente.
Durante a fin de semana na que se agarda a chegada dos Reis Magos, agárdase que os ceos continúen despexados, con sol durante as horas centrais do día, e que os termómetros oscilen entre os 7 graos de mínima e os 14 de máxima.
Durante a primeira semana do ano, segundo as previsións de Meteogalicia, non se agarda que a choiva faga acto de presencia, unha imaxe moi diferente á de 2018, que comenzou pasado por auga.