Escapa ata Vigo nun coche roubado, drogado e sen carnet, tras ser interceptado no Vao
Por Redacción
Un home de nacionalidade portuguesa foi detido pola Garda Civil en Vigo, pouco despois de ser interceptado nas inmediacións do polígono industrial do Vao conducindo un coche roubado.
Segundo informou o instituto armado, os feitos producíronse ás 2.15 horas da pasada madrugada, cando o individuo foi visto merodeando polo polígono.
Ao aproximarse, os axentes viron que levaba postos unhas luvas de látex. Este a o verse descuberto, subiu a un coche que tiña as portas abertas e deuse á fuga.
O vehículo emprendeu velozmente a fuxida pola estrada PO-308 cara Poio, continuando pola PO-309 cara Lourido coa intención de acceder á autoestrada.
En todo momento fixo caso omiso a todo tipo de sinais, tanto as que había na calzada como as luminosas e acústicas que se lle facían desde o vehículo oficial que o perseguía, desprezando o risco que estaba a ocasionar aos demais usuarios da vía.
Unha vez na autoestrada AP-9, circulando cara a Vigo, desobedeceu o sinal de alto dunha patrulla da agrupación de Tráfico que o esperaba na peaxe de Vilaboa e continuou a marcha polo carril da telepeaxe sen respectar a barreira.
Finalmente saíu da autoestrada en Vigo e foi interceptado e detido pola patrulla da Garda Civil que o perseguía nunha rúa sen saída do barrio de Teis.
Esta persoa, de nacionalidade portuguesa, conducía un turismo marca Hyundai de cor branca, propiedade dun cidadán español, residente na provincia de Badaxoz, que figuraba como subtraído recentemente en Portugal.
Carecía de permiso de conducir, pretendeu identificarse con outro expedido en Portugal a nome doutra persoa e, ademais, deu positivo provisional en tres substancias no test de drogas: cocaína, opiáceos e anfetaminas. No interior do vehículo atopáronse algúns restos de cocaína.
Foi detido como suposto autor dos delitos de furto de uso de vehículo a motor, desobediencia grave aos axentes da autoridade, usurpación de estado civil e contra a seguridade viaria.
O arrestado, que conta cun amplo historial delituoso tanto en España como en Portugal, foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.