Un pontevedrés de 67 anos, detido por agredir a puñadas á súa parella o día de Nadal
Por Redacción
A puñadas coa súa muller durante o Día de Nadal. É o intolerable comportamento que, segundo a Policía Local, protagonizou un pontevedrés de 67 anos que acabou detido como autor dunha agresión machista.
Segundo informou a propia Policía Local, os feitos producíronse sobre as nove da noite do pasado 25 de decembro.
A filla da parella denunciou que o seu pai agredira á súa nai. Ao chegar, os axentes atopáronse coa vítima, unha muller de 63 anos, cunha bolsa de xeo na cara e na vivenda había varios mobles e obxectos movidos de sitio e colocados fóra do seu lugar.
As testemuñas, todos eles membros da familia, relataron que o agresor discutira con varios dos seus familiares durante a comida. Tras irse da casa, regresou á hora da cea e volveu encerellarse con eles, estando diante tres nenos menores de idade.
Foi nese momento, segundo acreditaron os axentes, cando o home pegou á súa muller dúas puñadas na cara e agarrouna polo pescozo. Varias persoas tiveron que intervir para separalos.
Despois de agredir á súa parella, o home volveu fuxir do domicilio nunha furgoneta, sendo localizado posteriormente na vivenda dun familiar.
A vítima explicou que estas agresións viñan producíndose desde facía tempo, aínda que recoñeceu que nunca antes os denunciara.