Dúas persoas resultan intoxicadas por un incendio nunha vivenda de Portonovo
Por Redacción
Os integrantes do Grupo de Emerxencis de Sanxenxo (GES) e os Bombeiros de Ribadumia desprazáronse na tarde deste martes 25 de decembro para sufocar as lapas dun incendio que se orixinaba, segundo información facilitada polo servizo de emerxencias 112 SOS Galicia, na cociña dunha vivenda do terceiro andar dun edificio situado na Estrada da Lanzada, no lugar de Benitiño en Portonovo, no municipio de Sanxenxo.
Con motivo das lapas e do fume que se orixinou, as dúas persoas que se atopaban no interior da casa tiveron que ser evacuadas ao Punto de Atención Continuada de Sanxenxo por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias. Tratábase dunha muller e dun home, que presentaban síntomas de intoxicación por fume.
Segundo información facilitada polo GES rexistráronse importantes danos materiais e o lume devorou por completo a cociña da vivenda. O suceso iniciábase pasadas as 16.30 horas.