Un veciño de Poio, detido ao ser pillado "in fraganti" no roubo dunha vivenda
Por Redacción
Este 25 de decembro, un home de 30 anos con residencia en Poio era detido pola Policía Local de Poio como presunto autor dun roubo con forza nunha vivenda de San Salvador.
Segundo relatan desde a Policía Local, a colaboración cidadá foi determinante para lograr a detención do individuo que accedía ao domicilio no que pretendía roubar forzando unha xanela.
Unha testemuña que se atopaba pola zona viu como o ladrón accedía á vivenda e alertou aos axentes da Policía Local. Rapidamente trasladouse unha patrulla ata a zona. Estableceuse un operativo conxunto entre a Garda Civil e a Policía Local que conseguía a detención do home, ao redor das 13.30 horas, atendendo á descrición que realizara a testemuña.
O presunto ladrón conta con antecedentes policiais por feitos similares, segundo a información policial. Está previsto que ao longo das próximas horas sexa trasladado aos xulgados para que lle tomen declaración.
Desde a Policía Local de Poio volven lembrar á cidadanía a importancia de adoptar medidas de precaución durante estas datas en que numerosas familias non se atopan nos fogares, circunstancia que é aproveitada polos delincuentes para acceder aos domicilios e tentar apropiarse, sobre todo, de diñeiro ou outros obxectos de valor.