![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51a625c94efdd-009.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
O fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, será a estrela dos cursos deste verán na UNED
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os alumnos da UNED demandaban cursos de verán sobre Dereito, despois dun ano sen que fosen organizados. Este ano contan con dous. O que máis expectación provoca é o que leva por título "La proyectada reforma del proceso penal: una Ley de Enjuiciamiento Criminal para el siglo XXI" que se desenvolve do 10 ao 12 de xullo coa presenza do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce. O curso está dirixido polo catedrático de Dereito Procesual, Vicente Gimeno, e contará entre outros relatores co maxistrado do Tribunal Supremo, Manuel Marchena, ou co fiscal xefe da Audiencia de Alicante, Juan Carlos López Coig.
O outro curso xurídico centrarase no Pluralismo relixioso e laicidade constitucional. Outro tema de actualidade que se analizará entre o 8 e o 10 de xullo no centro da UNED.
Un terceiro curso desenvolverase na sede de Monte Porreiro. Será o que leva por título ¡Yo, Tú y Teo en la Escuela 2.0!, no que se debaterá sobre o papel das redes sociais na educación. Este curso iniciarase o 10 de xullo e finalizará o 12.
Nesas mesmas datas, o centro penitenciario da Lama será escenario doutra proposta na que se analizará o envellecemento como un proxecto de vida. Segundo explicou a directora da UNED en Pontevedra, Beatriz Rodríguez, a matrícula deste curso estará aberta ao público en xeral e non só para internos.
Por último, en Tui desenvólvese unha actividade de turismo alternativo durante cinco días con conferencias e talleres prácticos, segundo comentou Beatriz Rodríguez, para traballar sobre a xestión e mercadotecnia neste sector. Comezará o 1 de xullo.
O prazo para matricularse xa está aberto.
A directora do centro da UNED en Monte Porreiro asinaba, esta mañá, un convenio co alcalde polo que a Universidade a distancia recibirá 9.400 euros para a organización destes cursos de verán. Beatriz Rodríguez indicou que o Concello achega unha cantidade maior que a Deputación provincial e que ambos os dous organismos son os que permiten que continúen celebrándose estas actividades que, segundo afirmou, permite que asistan alumnos doutras localidades de maneira que Pontevedra se potencia como destino turístico.