O Nadal de Bueu chega cargado de actividades culturais e deportivas
Por Redacción
O Concello de Bueu deseñou unha programación de Nadal con actividades diversas para toda a familia na que se combinan propostas organizadas polas diversas concellarías municipais e os colectivos da vila e cos nenos como protagonistas especiais.
O programa pode consultarse por completo na páxina web www.concellodebueu.gal.
Co obxectivo de continuar apostando polo fomento de hábitos deportivos e saudables, os máis pequenos poderán gozar de diferentes eventos entre as 11.00 e as 13.00 horas.
Entre as actividades propostas están un percorrido fotográfico polas fontes da vila (o 26 de decembro na Praza Massó para persoas de 8 anos en diante), unha busca do tesouro (no Pavillón Pablo Herbello o 27 de decembro e destinado á rapazada de entre 6 e 12 anos), xogos con palas (o 28 de decembro no Pavillón Pablo Herbello, para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos), e unha ruta de sendeirismo de Urbano Lugrís, que percorrerá o 29 de decembro todos os espazos da vila coa pegada do artista e destinada ás persoas de 8 anos en diante.
O 2 de xaneiro haberá un percorrido pola vexetación do río Bispo, o día 3 será o turno dunha xornada multideporte no Pavillón de Beluso e o día 4 haberá unha xincana na Praza Massó.
Para as tardes, o programa inclúe actividades culturais, maxia e cinema, no que os máis pequenos e pequenas serán o eixo vertebrador e que se desenvolverán en varios espazos municipais, co obxectivo de levar a cultura entre toda a poboación.
O 23 de decembro, a partir das 17 horas, o Parque Ramal dos Galos acollerá un espectáculo con Duende Circo e chocolatada, e o 26 o Centro Social os máis pequenos e pequenas poderán gozar dun concerto de punk infantil. O 27, o Mago Pedro Bugarín actuará na Escola do Torrecino de Cela, o 28, poderase ver o filme Cuento de Navidad no Centro Social, o 29 desenvolverase o espectáculo Puño – Puñete, o 2 de xaneiro, concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona no Centro Social, o 3, maxia co Mago Paco na Casa do Pobo de Beluso e o 4, proxección da película El malvado zorro feroz.
No espazo da Axencia de Lectura de Meiro organizan tamén un Nadal ateigado de oferta cultural. O 20 de decembro un concerto de panxoliñas a cargo do grupo infantel-xuvenil 'De Cabras'. O 27 estará a escritora coruñesa Eli Ríos para presentar os seus últimos libros Luns e DX, e o 3 de xaneiro, a rapazada poderá participar dunha tarde especial de xogos a partir das cinco da tarde.
Ademais, como vén sendo habitual, os colectivos musicais da vila organizan os seus festivais de Nadal: Festival de Recordos da Nosa Terra, que terá lugar o 21 de decembro no Centro Social do Mar, o Concerto Solidario da Banda de Música Artística o 22, ou o Festival de Panxoliñas de Nadal da Asociación Española Contra o Cancro do 23 de decembro.
O día 23 a Asociación San Marcos de Beluso inaugura o seu XI Belén Vivinte, que se poderá ver na Casa Reitoral da parroquia entre as 16 e as 20 horas. O 24 de decembro, o Apalpador visitará por terceiro ano consecutivo a Praza Massó.
Xa en xaneiro, o evento estrela serán os Reis Magos que recibirán aos nenos e nenas no peirao o propio día 5 ás 12.00 horas. Pola tarde, e como novidade deste ano, a cabalgata partirá do Estaleiro da Banda do Río, que xustamente se vén de rehabilitar e que pronto comezará as obras de musealización.