Os Reis Magos chegarán a Bueu en barcos tradicionais
Por Redacción
Bueu prepárase para a chegada dos Reis Magos. O auditorio do Centro Social do Mar acollerá, a partir das doce do mediodía deste sábado 5 de xaneiro, a recepción que o municipio fará a Melchor, Gaspar e Baltasar, onde todos os nenos poderán saudalos.
As Súas Maxestades de Oriente chegarán ao porto de Bueu en tres barcos tradicionais da man da Asociación de Embarcacións Os Galos. Alí están programadas actividades diversas e recollerán o buzón real que foi instalado polo Concello na Praza Massó e no que se depositaron as cartas coas ilusións e desexos.
O desfile de carrozas terá lugar ás seis da tarde e sairá desde a contorna do recentemente rehabilitado estaleiro da Banda do Río ou de Purro, pasando polas rúas Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Castelao e culminar diante do Concello.
Como en toda cabalgata non pode faltar a diversión, haberá espectáculo pirotécnico e repartiranse uns 450 quilos de caramelos libres de alérxenos aptos para todos e todas.
Ademais contarase coa actuación dunha charanga, espectáculo de pompas e animación con diversos personaxes de conto.
E como vén sendo habitual, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a Romaría de Reis, que se celebrará o domingo 6 de xaneiro na capela dos Santos Reis.
A música comezará a partir das once da mañá da man da banda de gaitas Os Liboreiros e o grupo de baile Pais de San Roque. Ás 12.30 horas terá lugar a misa e a procesión, e na romaría as persoas asistentes poderán degustar roscón e chocolate.