Veciños de Inferniño, desesperados pola mala execución das obras na rúa
Por Redacción
Residentes na rúa Inferniño de Marín afirman estar cansos dos problemas que lles supoñen as obras que se executan desde hai semanas nesta céntrica rúa da vila.
Ao escape de gas provocado polos traballos e ao corte dos servizos de teléfono e internet durante un mes, súmanse agora os problemas co subministro de auga e da corrente eléctrica. Veciños desta zona afirman que todos os días sofren cortes de luz e de auga sen que se lles ofreza unha solución e sen aviso previo.
Ademais, os condutores que gardan os seus vehículos en garaxes desta zona se enfrontan a serias dificultades para acceder ou para sacar os coches. Segundo denuncian, a maquinaria impide o paso e, en moitas ocasións, os operarios non se atopan na contorna para reclamalos que retiren o material para poder circular pola vía.
As chuvias dos últimos días tamén provocaron a presenza de barro, dificultando o paso dos peóns e provocando que os vehículos patinen. O vecindario denuncia que non se baldea a zona de obras e que, polas noites, tampoco se encende o alumeado público. Reclaman ao Concello solucións para atender as demandas dos residentes.