Barro estrea un novo centro social na súa antiga escola
Por Redacción
O goberno municipal de Barro, en colaboración coa comunidade de montes, xa completou as obras para recuperar o edificio da antiga escola que, a partir de agora, será utilizada como un novo centro social.
A inauguración será este domingo 16 de decembro, ás 17.00 horas. Estará a servizo de todos os veciños e entidades que precisen usalo para as súas actividades.
Esta actuación, na súa segunda fase, contou cun orzamento de 59.985 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Ademais de dispor dun novo edifico público para uso de todos, a recuperación deste edificio seguro ten unha importante carga sentimental para todos aqueles veciños para os que foi escola, traendo recordos da súa infancia.
Os primeiros en coñecer as novas instalacións foron ducias de antigos alumnos e alumnas da escola, que o pasado día 9 se xuntaron novamente.
A recuperación do edificio da escola acompañouse co acondicionamento e a construción dun parque infantil dentro do seu recinto para converter ese espazo nun lugar de convivencia veciñal.
Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, poñer este centro social a disposición dos veciños e as entidades de Barro "é unha grande satisfacción", pois ademais de recuperar un edificio para o uso de todos tamén supón recuperar parte da memoria colectiva do municipio.
Esta nova actuación súmase a outras que se levan facendo dende o goberno municipal para poñer en uso instalacións municipais que estaban totalmente abandonadas e coas que, ademais de recuperar o patrimonio público, se axuda a dinamizar a vida das parroquias.