Pontevedra deberá abonar 767.000 euros máis para o convenio con Acuaes
Por Alejandro Espiño
As obras do novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría, executadas pola sociedade pública Acuaes, supoñerán un desembolso extra de 767.503,26 euros ao Concello de Pontevedra. Así o confirmou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
As cantidades incluídas no convenio entre Acuaes e os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa foron redistribuídas, tras as medicións das obras recepcionadas e o importe da subvención obtida dos fondos europeos FEDER.
Así, fronte aos 1.914.949,74 euros (un 5,80% do total dos 33 millóns que custou o novo abastecemento) que Pontevedra debía pagar, finalmente o custo que asumirá o concello da capital, onde máis obra se executou, será de 2.682.453 euros, un 8,13% do investimento total.
Este cambio recollerase nunha nova addenda ao convenio con Acuaes.
O total facturado e abonado a día de hoxe polo Concello é de 1.875.462,33 euros máis IVE e, segundo Fernández Lores, o resto das cantidades xa están consignadas no orzamento, polo que este aumento non afectará o equilibrio contable municipal.
Sanxenxo é o outro concello que debe custear un maior aumento, ao pasar dos 636.207 previstos a un total de 1.158.862 euros, é dicir, 522.000 euros máis.
Case 19 millóns de euros achegaraos Bruxelas a través dos fondos FEDER, mentres que Acuaes inviste 7.52 millóns de fondos propios e os concellos restantes, o resto a razón de 1.288.683 euros por parte de Marín, 872.145 euros de Poio e 498.360 euros de Vilaboa.
Relacionadas:
-
Unha avaría obriga a utilizar por primeira vez o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín de Acuaes
Por Redacción |
-
"No verán que vén ten que estar funcionando" a nova rede de abastecemento de auga
Por Diego Espiño |
-
Recta final dos traballos do novo sistema de abastecemento de auga da ría
Por Alejandro Espiño |