As protestas dos usuarios dos locais culturais obrigan a aprazar o pleno de Vilagarcía
Por Aitana Vidal & Anxo Lourido
PP e IVIL aprobaron, no medio dun ambiente de tensión e malestar, a ordenanza e o regulamento de utilización dos espazos culturais municipais de Vilagarcía. E ante o barullo e a música que rodearon o salón de plenos tras esta medida, o alcalde Tomás Fole, decidía suspender o pleno que deberá retomarse nun prazo de 10 días.
Nesta ocasión, volveu encherse o aforamento pero os axentes policiais non reclamaron a identificación dos asistentes ao pleno. Máis dun centenar de representantes de colectivos culturais, asociacións e sindicatos ocupaban no salón de plenos. Algúns portaban instrumentos musicais, outros lucían narices de pallaso. En todos se palpaba o malestar ante a intención do goberno local de aprobar un regulamento que establece prezos para o uso das instalacións culturais que dependen do Concello.
A intervención de Xurxo Abuín, o voceiro de 36 colectivos culturais que asinaron un manifesto contra o regulamento obtivo os primeiros aplausos dos asistentes. O representante das asociacións mostrouse indignado coa actitude do goberno local e acusou ao alcalde Tomás Fole de mentir e de non incluir as alegacións presentadas ao regulamento. Dúas mulleres tamén increparon o alcalde dende as butacas do público.
Os voceiros da oposición Juan Fajardo, Tania García e María Villaronga, apoiaron as reivindicacións dos asistentes. O concelleiro de Cultura, Francisco González, intentou defender o regulamento sen éxito. Xurxo Abuín abandonou o pleno alegando que a aprobación desta norma era un chamamento á rebelión social e, a partir de aí, tanto os concelleiros da oposición coma a maioría dos asistentes abandonaron o salón de plenos mentres berraban 'dimisión'.
Mentres tanto, o equipo de goberno erguía os brazos para aprobar a polémica ordenanza.
Entre a crispación, integrantes dos colectivos comezaron a tocar o himno galego ás portas do Concello e a continuación, entraron de novo no edificio nun ambiente enxordecedor que impedía que a sesión plenaria continuase. Foi nese momento cando o alcalde decidiu aprazar o pleno que terá que ser retomado nun prazo máximo de 10 días.