A pesar das protestas, o pleno de Vilagarcía aproba as taxas para uso de recintos culturais
Por Aitana Vidal
O voto de calidade do alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, foi determinante para que se aprobase o novo regulamento de uso dos espazos culturais da vila. No salón de plenos encontrábanse máis de cincuenta veciños que reclamaron a dimisión do alcalde, apuparon e mesmo chegaron a tocar chocallos contra a medida que estaba a adoptar o goberno local. Os manifestantes, a maioría deles relacionados con asociacións culturais, reclamaron ao alcalde un período de diágolo coas agrupacións que se poden ver prexudicadas por esta medida. Non obtiveron resultado. O grupo municipal do PP votou a favor da aprobación co voto de calidade de Fole debido a que carecía de maioría debido ao recente falecemento do concelleiro Tucho Carballo polo que se gardou un minuto de silencio antes do inicio do pleno.
O novo regulamento establece o pagamento dunhas taxas de utilización dos locais culturais sempre que non se trate de asociacións locais sen ánimo de lucro. Así o indicou o concelleiro de Cultura, Fran González, durante a sesión plenaria.
Ana Granja tamén foi protagonista ao tomar posesión do seu cargo como concelleira popular en lugar de Marta Rodríguez que decidiu deixar o seu posto como edil para centrarse nas súas funcións como parlamentaria no hemiciclo galego.