O Consorcio turístico de Sanxenxo asóciase con Quantum para poñer en marcha unha central de compras
Por Redacción
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) dará a coñecer a todos os seus asociados a nova central de compras. A cita será este martes no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Esta iniciativa era un dos principais obxectivos perseguidos polo CETS co propósito de conseguir unhas exclusivas condicións de compra cun gran elenco de proveedores de case todos os sectores.
A partir do 1 de xuño empezará a funcionar esta central para ofrecer aos asociados ao CETS "unha colaboración máis aló dos prezos, enfocada ao control case global de custos dos hoteis e establecementos agrupados".
Esta central de compras nace da man de Quantum, unha das compañías máis importantes de España, antes coñecida como Catalonia de Compras y Servicios, coa que se chegou a un acordo "moi importante a favor dos nosos asociados", aseguran desde o CETS.
Quantum, con máis de 1.300 establecementos adheridos, está presente en España, República Dominicana, México e desde este ano, en Panamá. Mantén relacións con aproximadamente 600 proveedores, dos cales, 400 realizan operacións en España.
A central de compras será presentada por Marta de Andrés, Delegada Norte Occidental de Quantum.