Un pai e os seus dous fillos agriden a un mozo que tratou de mediar nunha pelexa
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Axentes das Policías Nacional e Local tiveron que intervir este sábado na rúa Riestra con motivo da agresión que sufriu un mozo por parte dun pai e os seus dous fillos.
Segundo o relato dos feitos ofrecido pola Policía Local de Pontevedra, todo xurdiu sobre as oito da tarde no palco da música na Alameda onde se atopaba unha cuadrilla de menores. Ao pasar polas inmediacións a un individuo, de 56 anos de idade, pareceulle entender que estaban a falar de pegar a unha moza.
Este home meteuse no medio da cuadrilla para increparlles con tal motivo ao que eles responderon tentando aclarar que era un malentendido pola súa banda, xa que estaban de broma, recriminándolle a súa intromisión.
O caso é que as explicacións non serviron e empezou unha forte discusión o que provocou que un terceiro, un mozo de 32 anos que pasaba por alí, intermediase para separalos e evitar que chegasen ás mans. Finalmente todos os implicados abandonaron o lugar.
Todo parecía resolto pero máis tarde, cando o mozo que interveu para mediar camiñaba pola rúa Riestra, á altura de Villa Pilar, alcanzoulle o individuo de 56 anos acompañado dos seus dous fillos maiores de idade empezando a golpealo.
Agredírono non só con puñadas e patadas, tamén empregaron unha muleta que lle quitaron a unha persoa que se atopaba no lugar.
O mozo tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo con varias contusións e unha costela rota.
A Policía abriu dilixencias contra o individuo e os seus dous fillos. Do suceso hai varios vídeos gravados cos teléfonos móbiles.