Carmela Silva supervisa en Barrantes obras financiadas pola Deputación
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Ribadumia, David Castro, e o deputado de cooperación, Carlos López Font, visitou este sábado en Barrantes a zona na que se va a desenvolver o proxecto de mellora da seguridade viaria e mobilidade sustentable con cargo ao Plan DepoRemse.
É un investimento de 186,644,41 euros destinado á mellora da seguridade viaria nos accesos á gardería municipal, ao CPI Julia Becerra, ao pavillón polideportivo e ao campo de fútbol de Bouza. Os traballos está previsto que se inicien a finais de xaneiro, cun prazo de execución de seis meses.
Con esta actuación procederase á creación e ampliación de novas beirarrúas ao longo da rúa Valle-Inclán, para o tránsito seguro ata o colexio e gardería municipal. A elas engádese a construción de pasos de peóns sobreelevados nos cruces doutras rúas e a execución de lombos para amortecer a velocidade dos vehículos en todo o traxecto.
O proxecto facilitará e ordenará o tráfico das familias que levan aos seus fillos ao centro escolar, así como da veciñanza que utiliza as instalacións deportivas. Con esta finalidade tamén se procederá a construír unha nova rotonda, dando servizo tamén ao viario traseiro da gardería.
Unha vez desenvoltas estas actuacións, procederase á colocación da sinalización tanto horizontal como vertical en toda a zona, así como á mellora da drenaxe superficial do viario a través da instalación dunha rede de pluviais e pozos de rexistro. Para finalizar a obra colocaranse as luminarias necesarias e pavimentarase de novo a rúa.
Na súa visita a Ribadumia, a presidenta provincial aproveitou tamén para achegarse á contorna da igrexa de San Andrés de Barrantes para comprobar o resultado das obras de instalación da nova rede de saneamento, xa rematadas. Trátase dunha actuación moi esperada pola veciñanza, financiada pola Deputación cunha achega de 70.326,86 euros con cargo ao Plan Concellos.