Arquitectos e urbanistas de Maryland empápanse do modelo urbano de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
Oito arquitectos e urbanistas procedentes de Kentlands, en Maryland, Estados Unidos, coñeceron este venres de primeira man o modelo urbano de Pontevedra a través dunha visita á cidade e reunións de traballo.
Así, os especialistas estadounidenses mantiveron un encontro co alcalde, Miguel Fernández Lores, e unha reunión de traballo cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, que os acompañaron nun percorrido pola cidade. Na xuntanza, segundo informou o Concello, amosaron un especial interese na decisión de Pontevedra de priorizar ás persoas por enriba de todo.
Ademais, os arquitectos e urbanistas interesáronse por medidas como limitar o tráfico e artellar a vida cotiá, comercial e económica da cidade e quixeron saber cales foron e canto duraron as críticas ou a oposición do modelo.
Trátase de profesionais que traballan no eido da planificación e deseño urbano coa vista posta na recuperación da cidade como espazo de convivencia e interrelación das persoas.
Os visitantes planificaron 'barrios tradicionais' no seu Kentlands natal e en distintas partes do país e dirixen a súa mirada cara Pontevedra co fin de atopar no noso proxecto de cidade, ideas e inspiración para os seus propios proxectos.