Luisa Piñeiro, de novo candidata do PP en Moraña co obxectivo de seguir no goberno
Por Redacción
A actual alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, volverá a ser a candidata do PP nunhas eleccións municipais. O comité executivo local decidiu que sexa ela quen encabece por terceira vez a lista dos populares, co obxectivo de revalidar a súa maioría absoluta.
Piñeiro foi ratificada por aclamación nunha reunión extraordinaria celebrada onte á noite na sede da formación en Santa Lucía.
A directiva local valorou a súa "gran xestión" á fronte do Concello de Moraña nos últimos sete anos e medio, o seu grao de "coñecemento e empatía" coa sociedade e o constante crecemento electoral do PP no municipio baixo o seu liderado.
Tras o seu nomeamento, que xa foi comunicado á dirección provincial, Luisa Piñeiro quixo agradecer o respaldo unánime da militancia de Moraña.
Defendeu que buscará seguir co proxecto de modernización de Moraña, iniciado hai oito anos, e dentro do que se están a renovar servizos públicos no casco urbano de Santa Lucía, ampliando a rede de infraestruturas no rural das nove parroquias ou executando investimentos "record" para este municipio.
"Nesta liña imos seguir porque somos previsibles, serios e responsables e este é o camiño que cremos que demanda a maioría do pobo de Moraña", detallou Piñeiro, desvelando os eixos estratéxicos do programa electoral, que se comezará a deseñar de inmediato contando coa voz da militancia e dos veciños.
A partires de agora, Luisa Piñeiro, xunto co comité executivo local, traballarán para conformar unha candidatura "plural" que represente a todas as "sensibilidades" tanto do partido como da sociedade de Moraña.