A Cámara de Comercio aproba un ERE extintivo para 12 traballadores
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa executará un expediente de regulación de emprego extintivo que supoñerá reducir o persoal de 36 a 24 traballadores.
O pleno da Cámara ratificou este xoves o acordo establecido pola comisión negociadora, composta por representantes dos traballadores e a entidade, para a execución do ERE extintivo.
A medida, que xa foi anunciada hai uns meses polo presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, afecta a 12 traballadores dun persoal total de 36 empregados.
Entre os afectados atópanse traballadores maiores de 55 anos, para os que se aprobaron medidas de acompañamento ata a idade de xubilación.
Segundo informou a entidade, con esta actuación conseguirase "equilibrar os ingresos e gastos das contas" e "garantirase a viabilidade da institución no futuro".
García Costas indica que "non foi unha decisión nin fácil nin agradable", pero "era absolutamente necesaria" para garantir a viabilidade da Cámara no futuro, de modo que ,á hora de aplicar esta redución do persoal, trataron " de facelo o mellor posible.
Este ERE supón unha redución próxima ao 40% na partida de persoal e a súa aprobación supuxo tamén que o pleno cameral aprobase tamén o orzamento da entidade para o novo exercicio. Trátase dun orzamento "prudente" e acorde coa actual situación económica, pero que permite "manter o nivel de servizos ás empresas".