![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/534c731acc252-monumento-pescador-3.jpg)
© Concello de Ponte Caldelas
Esnaquizan por terceira vez, dous días despois do seu arranxo, o Monumento ao Pescador de Ponte Caldelas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534c7324e41be-monumento-pescador.jpg)
© Concello de Ponte Caldelas
Dous días durou enteiro o Monumento ao Pescador de Ponte Caldelas. Volveu a ser vítima, por terceira vez consecutiva, do vandalismo e da actitude incívica dun grupo de descoñecidos que romperon a punteira e o arco que simula o sedal do conxunto escultórico, de especial significado para os veciños de Ponte Caldelas, aínda que de escaso valor económico.
Aínda que, ata o momento, descoñécese a autoría dos estragos, atopáronse nas inmediacións do Monumento ao Pescador, restos e desperdicios propios de quen estiveron practicando na zona un botellón incontrolado.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa decepción co comportamento incívico de "un grupo de persoas que atopan a súa diversión esnaquizando bens comúns ou mobiliario urbano cuxo estrago, ao final, repercute en todos e cada un dos veciños que, cos seus impostos, contribúen ao mantemento dos espazos e bens públicos".
Perfecto Rodríguez lamentou que por terceira vez o Monumento ao Pescador converteuse en vítima do vandalismo porque "é unha figura que levanta simpatía no pobo e que, polo súa ubicación en pleno paseo fluvial e o seu realismo, é motivo de contemplación por moitas persoas que durante a Festa da Troita ou nas súas visitas a Ponte Caldelas achéganse para velo".
Finalmente, un enoxado Perfecto Rodríguez confesou que está sopesando a posibilidade de deixar o conxunto monumental incompleto "ante a tenaz persistencia destrutiva do vandalismo que aproveita as súas reiteradas reposicións para volver cometer esta tropelía que, lonxe de ser simpática, retrata ben ás claras a quen a comete".