O pescador do monumento de Ponte Caldelas recupera a súa cana
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas procedeu á reparación do arco da cana, a parte que precisamente simula a punteria e sedal, co fin de que o monumento o pescador luza en todo o seu esplendor durante a celebración da Festa da Troita, que ten os seus días grandes este sábado e domingo, co concurso de pesca e a degustación gastronómica da troita.
Operarios de mantemento de infraestruturas do Concello, contratados dentro do Plan de Emprego da Deputación, así como internos do Centro Penitenciario da Lama acometeron durante esta semana os traballos de limpeza e acondicionamento da contorna do río Verdugo, por ambas marxes, co fin de reparar os desperfectos ocasionados polas inundacións no paseo da Calzada, entre a ponte e a área recreativa.
Estes traballos de mantemento do paseo son acometidos cada ano por estas datas, co fin de que estea en condicións para o normal seguimento por parte do público e participantes no Concurso de Pesca Deportiva da Festa da Troita, que terá lugar os días 25 e 26 de maio.
O paseo da Calzada, construído a través de varios Obradoiros de Emprego, resiste perfectamente os embates das crecidas do río Verdugo tendo en conta que se atopa en plena zona inundable. Tanto o deseño como os materiais empregados confirman a idoneidade do proxecto deseñado para este paseo fluvial.