Barro incrementa un 22% o gasto social nos orzamentos de 2019
Por Redacción
O pleno da corporación municipal de Barro aprobaba este luns o orzamento do ano 2019 cunha cifra de 2.545.000 euros. Trátase dunha proposta social, na que se conxelan os impostos e taxas coa idea, segundo o goberno local, de non incrementar os gastos ás economías familiares.
Aumentan os recursos para axudar a persoas que se atopan pasando dificultades económicas. Neste sentido, esta partida de Atención Social ascende a 80.000 euros, un 22% máis que no exercicio anterior, chegando aos 436.000 euros.
O orzamento aposta ademais por mellorar servizos básicos e por dotar de vida sociocultural ao municipio.
No apartado de investimentos destínanse máis de 331.000 euros, financiados maioritariamente co Plan Concellos da Deputación para o ano 2019. Destinaranse a melloras en viarias municipais e ampliar o saneamento, iluminación pública, abastecemento de auga potable e promoción do patrimonio.