Unha trintena de empresas das Rías Baixas buscarán abrir liñas de negocio en Barcelona
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As Rías Baixas desembarcan en Barcelona. Unha trintena de empresas do sector turístico da provincia participarán no primeiro workshop do destino na capital catalá.
A través desta novidosa iniciativa, a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, dará cita nunha mesma xornada no Hotel Gran Marina de Barcelona ás empresas das Rías Baixas e a máis de cen compañías de Cataluña.
Entre as empresas da provincia que van participar neste workshop atópanse hoteis, bodegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores.
Pola súa banda, entre as catalás hai dende turoperadores, ata medios de comunicación especializados en turismo e asociacións sectoriais. Amais, está confirmada a presenza do presidente do Centro Galego de Barcelona.
Durante a xornada, que dará comezo ás 18 horas, terán lugar reunións dinámicas coa vista posta en abrir novas vías de negocio e xerar novas oportunidades para o sector turístico da provincia
Tras as reunións, nas que se tamén se comercializará o castelo de Soutomaior como elemento tractor do turismo cultural para o conxunto da provincia, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentará a campaña promocional das Rías Baixas e terá lugar un sorteo de viaxes de familiarización entre as empresas asistentes ao workshop.
Esta actividade, que forma parte das liñas do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, atende ao obxectivo de xestión intelixente do destino, compartida entre todos os axentes con competencias turísticas na provincia de Pontevedra. Deste xeito, a idea do workshop en Barcelona naceu nunha mesa de turismo das que se veñen organizando ao abeiro do plan.