Deteñen por un delito de odio un arousán que publicaba en Facebook mensaxes contra os inmigrantes
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo un arousán como presunto autor dun delito de odio por difundir a través dun perfil da rede social Facebook unha importante cantidade de publicacións de contido violento incitando explicitamente ao odio e a exercer a violencia contra os colectivos de inmigrantes.
Segundo informou a Garda Civil, as publicacións realizáronse sen ningún tipo de restrición nun perfil de Facebook con máis de 375 seguidores, polo que se pode determinar que as mensaxes de incitación ao odio, violencia e discriminación publicados puideron chegar a unha inxente cantidade de usuarios desta rede social.
As investigacións que deron lugar a esta detención realizáronas de forma conxunta os grupos de información das comandancias da Garda Civil de Navarra e Pontevedra e estiveron coordinadas pola Fiscalía encargada da investigación dos delitos de odio na provincia de Pontevedra. Bautizáronse como 'operación Calamardo'.
Os axentes lograron identificar o administrador do perfil, un veciño da comarca de Arousa de 63 ano que foi detido como presunto autor dun delito cometido con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidas pola Constitución.
O detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, que decretou a súa liberdade provisional, pero mantén a súa calidade de investigado.