Maica Larriba presenta o protocolo de actuación nas estradas nacionais en caso de nevadas
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou este mércores en Lalín o protocolo de actuación nas estradas nacionais da provincia de Pontevedra en caso de nevadas que contempla tres fase de desenvolvemento dos distintos medios dispoñibles.
Maica Larriba subliñou que o protocolo divide a provincia en tres zonas.
- A zona norte, contempla a actuación sobre un total de 145 quilómetros e inclúe diversos tramos das estradas N-525 e N-640. Especialmente atende os portos de Santo Domingo e San Martiño, na N-525 e os do Marco e Xindiriz na N-640.
- A zona centro que contempla as estradas N-550 e N-541 e N-554, especialmente o porto de O Paraño na N-541.
- A zona sur contempla a A-52 e a N-120, especialmente atende o porto de Fontefría na Cañiza.
O protocolo, segundo informou a subdelegada, contempla tres fase de aplicación dependendo da situación atmosférica e as previsións da Axencia Estatal de Metereoloxía (AEMET).
A fase de alerta iniciarase sempre que se produza a emisión pola AEMET dun boletín de aviso de nevadas de niveis vermello ou laranxa relativo á Provincia de Pontevedra.
A fase de preemerxencia producirase mentres a intensidade da nevada faga prever dificultades para a circulación ou a neve caída na calzada, o xeo ou calquera outra circunstancia, dificulte efectivamente a circulación nalgún tramo da Rede de Estradas do Estado. E a última é a fase de emerxencia que se alcanza cando resulte necesario prestar atención a persoas que quedaron bloqueadas ou retidas e non poden seguir a viaxe polos seus propios medios.
Precisamente nesta fase é cando se inclúe a posibilidade de mobilizar a Unidade Militar de Emerxencias por parte da propia Subdelegación do Goberno.
No que respecta á totalidade da provincia, a subdelegada do Goberno destacou que o plan de emerxencias invernais conta con 10 camións quitaneves, dos cales catro poden esparcir salmoira, depósitos de 1.975 toneladas de sal e 89.000 litros de salmoira. Ademais hai que incluír os medios dos xestores das autoestradas AP-9 e AP-53 dispoñen de catro camións quitaneves, 375 toneladas de sal e 73.000 litros de salmoira.