Melloran a iluminación do campo de fútbol de Beluso
Por Redacción
O campo de fútbol de Laxes, na parroquia de Beluso, contará cunha mellor iluminación.
Operarios municipais do Concello traballan estes días na mellora do servizo no campo, onde hai un ano iniciouse un programa piloto consistente na instalación de luminarias LED.
"Tal e como quedaramos coa directiva do Beluso e dado o bo resultado, decidimos incorporar oito novos proxectores", explicou o alcalde, Félix Juncal.
Desta forma, a actuación supoñerá mellorar a visibilidade no terreo de xogo, tendo en conta que a iluminación existente ata agora resultaba insuficiente.
Ademais, o Concello anunciou que nos próximos meses acometerase unha renovación completa dos proxectores.