Roberto Verino, en Pontevedra: "As grandes marcas de moda son as que impulsan as copias"
Por Redacción
Falar de Roberto Verino é falar de moda con maiúsculas. ÿ un dos deseñadores galegos máis recoñecidos. De aí que a Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) elixírao para poñer o broche de ouro ao ciclo Xoves de Moda. O seu relatorio Deseñar o cambio. A función da moda centrouse principalmente no poder das grandes marcas da moda a nivel mundial, responsables das tendencias que se levan en cada momento.
O deseñador ourensán explicou que estas marcas, grazas a millonarias campañas de publicidade, conseguen influír no vestir de milleiros de persoas cun poder adquisitivo moi por riba do das clases medias ou medias-altas. "Para o resto dos mortais, mercar produtos desas firmas é un soño" asegurou. Este elemento de "exclusividade" explica perfectamente o éxito que teñen as copias que se fan destes produtos dirixidos a tan só uns poucos, "sendo as propias marcas quen impulsan este fenómeno".
Unha das claves do éxito da firma Roberto Verino é, segundo o seu propio creador, ofrecerlle precisamente á sociedade "un produto cun deseño sinxelo, de calidade exquisita e funcional". O importante, di, "é aceptarse, valorarse e quererse" evitando así converterse "nun escravo da moda". A través dos seus deseños, o verinense intenta "facer feliz á xente conseguindo que a persoa se vexa diferente pero sen chegar a estar disfrazada".
A honestidade no traballo, "ofrecéndolle realmente ao cliente aquilo que lle dis que lle das a un prezo razoable", é unha das súas máximas. Dixo que "o motor da economía é a demanda e agora mesmo está estancada, sobre todo en países como España ou Portugal e os soños das persoas son o único xeito de reactivala".
Verino critica aos que "nos amosan prendas feas ou imposibles de usar así como deseños con cores que non evidencian a situación de crise que estamos a vivir"
Na actualidade hai dúas grandes correntes de pensamento que analizan polo miúdo este sector dinámico e en constante evolución. Por unha banda estarían aqueles expertos que entenden que a moda é algo exclusivo, dirixido a unha selecta minoría, o que a converte nun soño a cumprir para a inmensa parte restante da poboación. Os partidarios desta visión "amósannos prendas feas ou imposibles de usar así como deseños con cores que non evidencian a situación de crise que estamos a vivir", comentou Verino.
No outro extremo, atopamos a aqueles deseñadores comprometidos e críticos coa propia moda que entenden que esta ten un papel na sociedade como ben defende este galego.
"Eu non veño aquí a dar consellos a ninguén. Só lles diría aos futuros deseñadores e deseñadoras que se de verdade lles gusta isto poñan nel toda a súa paixón para lograr que o esforzo non sexa un esforzo. Hai que gozar traballando", salientou o deseñador. Animou aos presentes no Espazo 16 da Facultade de Belas Artes a facer do seu traballo unha afección e aseguroulles que leva moitos anos traballando arreo sen tempo para unhas vacacións "pero aínda teño enerxía para dar e tomar".
Esta conferencia do deseñador verinense puxo punto e final á programación dos Xoves de Moda 2013 nos que tamén participaron as deseñadoras María Barros e Paula Núñez, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e a arquitecta e directora do Máster en Retail Desing, da Escuela Superior de Diseño e Ingeniería de Barcelona, Elisava, Carmen Malvar.