"Calquera Whatsapp, por importantísimo que sexa, non é causa para poñer en risco unha vida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra tivo este luns un recordo ás vítimas de accidentes de tráfico e, ao mesmo tempo, unha chamada á responsabilidade dos condutores para que todos aqueles riscos que incrementan o número de accidentes "sexan canto antes desterrados", lanzando a mensaxe de que é necesario "cero consumo de substancias, drogas ou alcohol, cero utilización do móbil na condución".
Con motivo do día mundial en recordo das vítimas dos accidentes de tráfico, que se conmemorou este domingo 18, a Subdelegación convocou este luns unha concentración e un minuto de silencio ao que se uniron a subdelegada, Maica Larriba; o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; e o coronel da Garda Civil, Jorge González.
Veciños, políticos e funcionarios sumáronse á concentración, na que todos coincidiron na necesidade de que todas as administracións públicas, as forzas de seguridade e a sociedade en xeral sumen esforzos para lograr a esa cifra perseguida de cero mortos nas estradas.
Este ano, a mensaxe lanzada dede as administracións estivo enfocada de xeito especial ao uso do móbil ao volante e a subdelegada do Goberno quixo lembrar aos condutores que "calquera Whatsapp, por importantísimo que sexa, calquera chamada, por importantísima que sexa, non é causa para poñer en risco unha vida dun condutor, dun acompañanate ou doutro condutor", intentando disuadir a aquelas persoas que usan o teléfono mentres conducen.
Larriba destacou as cifras de accidentalidade de Pontevedra, onde se reduciron a cero as vítimas mortais no casco urbano, pero quixo facer un chamamento a que a sociedade non se relaxe, pois máis de 1.800 vítimas de accidentes de trafico rexistradas este ano nas estradas españolas "é unha cifra que unha sociedade moderna, democrátrica como a nosa non pode baixo ningún concepto asumir". Na provincia de Pontevedra, fai un chamamento á implicación de todos para que desaparezan as 25 vítimas mortais deste ano.
O alcalde de Pontevedra fixo un chamamento a que se traballe en conxunto para evitar o maior número posible de accidentes, un asunto no que deben implicarse desde os fabricantes de vehículos ata as administracións e a propia sociedade, que debe ser consciente de que a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local "non están perseguindo a ninguén, están salvando vidas".
"Salvan vidas cando se fai un control con radar, salvan vidas cando se toman medidas para mellorar a seguridade nas estradas, sálvanse vidas cando se poñen pasos de peóns sobreelevados. Non estamos fastidiando a ninguén, estamos demostrando que con medidas deste tipo se reduce drasticamente o número de accidentes e a gravidade dos accidentes", indicó Lores.