Os socialistas esixen erradicar a publicidade sexista en Pontevedra
Por Redacción
Unha moción que o PSdeG-PSOE trasladará ao pleno da corporación municipal esixirá que o Concello adopte medidas para erradicar a publicidade sexista na cidade, ao entender que é unha forma máis de violencia contra a muller.
Os socialistas instan ao goberno a elaborar unha ordenanza municipal que prohiba ese tipo de publicidade nos espazos públicos. As administracións públicas, recorda a concelleira Paloma Castro, ten a obriga de loitar contra os anuncios que ofrecen unha imaxe "superficial e secundaria" das mulleres.
"A pesares das leis e recomendacións a nivel europeo vemos como a publicidade cosifica, discrimina e incluso ofende á imaxe das mulleres", sinalou Castro, que reclama que Pontevedra se adhira á plataforma de cidades europeas contra a publicidade sexista.
Esa implicación ten que manifestarse "claramente", segundo os socialistas, no rexeitamento da publicidade referida á prostitución que aínda se pode encontrar nalgúns xornais en papel, xa que "é unha forma clara de abuso sexual que en ningún caso e baixo ningún concepto pódese considerar como un traballo" e ante a que "non cabe andarse con medias tintas".
Así, o PSdeG-PSOE esixe que se adopte o compromiso de non outorgar axudas publicas ou patrocinios a calquera actividade na que o corpo da muller sexa utilizado como reclamo publicitario ou adherirse á rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenos e nenas destinados á prostitución.
Ademais, reclaman promocionar actividades de deconstrución dos estereotipos sexistas e a posta en marcha de campañas periódicas de sensibilización de que a prostitución é igual a violencia de xénero e explotación.