Desmantelan un punto de cultivo e venda de marihuana en Pontevedra e unha plantación en Vilaboa
Por Redacción
Un punto de cultivo e venda de marihuana en Pontevedra e unha plantación inicial en Vilaboa. ÿ o que desmantelaron os axentes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra coa detención de tres persoas, dous pontevedreses e un ourensano, no marco da Operación Duelo. Considéraselles como os presuntos autores dun delito contra a saúde pública.
Os feitos remóntanse ao pasado mes de marzo, cando a Policía Local de Pontevedra recibiu informacións veciñais dun punto negro de posible venda de substancias estupefacientes nunha casa de Pontevedra, situada no Centro Histórico, a donde acudían numerosos mozos cada día e onde se percibía un forte cheiro a marihuana.
Os axentes da Policía Local iniciaron as primeiras pescudas e conseguiron identificar dúas persoas que acababan de saír da casa, e aos que lles incautaron pequenas cantidades de marihuana. Tras esa actuación policial, deron conta diso tanto á Fiscalía Antidroga de Pontevedra como á Comisaría da Policía Nacional para que continuasen a investigación.
Unha vez asumida polos axentes da Comisaría de Pontevedra, as pescudas dirixíronse a intentar corroborar a venda diaria de marihuana na casa da cidade, así como determinar outras posibles plantacións que puidesen ter noutros lugares da provincia. Tralas vixilancias e seguimentos sobre os investigados, solicitouse a entrada e rexistro tanto no piso do centro de Pontevedra como nunha casa con leira situada en Vilaboa.
Na casa de Pontevedra interveuse nunha habitación unha plantación de marihuana con plantas de distinto tamaño, nun habitáculo perfectamente acondicionado con focos, deshumidificadores, ventiladores ou cilindros de carbono para absorber cheiros. Noutra das habitacións atopábanse distintas plantas en proceso de secado e nunha terceira os cogollos da substancia preparados para a súa venda.
En Pontevedra facíase todo o proceso de cultivo, elaboración, preparación e venda da marihuana para a súa posterior distribución a terceiros
Xa que logo, en dita casa desmantelouse todo o proceso de cultivo, elaboración, preparación e venda da marihuana para a súa posterior distribución a terceiros.
Na casa de Vilaboa interviñéronse máis de 130 brotes de plantas de marihuana, nun primeiro estadio de cultivo, que foran arrincadas das seus macetas polos investigados unha vez que tiveron coñecemento do primeiro rexistro que se estaba realizando en Pontevedra e que se atopaban ocultas no faiado da casa. Tamén se incautaron numerosos efectos para o cultivo da plantación de marihuana.
En total procedeuse á detención de tres persoas. Trátase dun home de 38 anos, natural de Pontevedra, encargado da casa situada na cidade; outro pontevedrés de 40 anos, que intentou desfacerse de distintos efectos para a elaboración e cultivo da plantación de marihuana que se incautou en Vilaboa; e un home de 33 anos, veciño de Orense, encargado da casa de Vilaboa. Ningún dos tres contaba con antecedentes previos.
Durante a intervención, levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefaciente da Policía Nacional de Pontevedra, incautáronse 5.290 gramos de marihuana, 13 gramos de haxix, unha furgoneta, tres teléfonos móbiles, dúas básculas de precisión, 340 euros en efectivo e numerosos útiles para o cultivo da marihuana como deshumidificadores, extractores, tubos de ventilación, filtros de carbono, ventiladores, fertilizantes ou abonos.