Pontevedra presume da "diversidade de cores" do comercio local fronte o Black Friday
Por Alejandro Espiño
O fenómeno do Black Friday, importado de Estados Unidos, está a facer madeixa no comercio tradicional. Non poden competir cos agresivos descontos que as grandes áreas ou as plataformas da internet ofrecen estes días e, ademais, a súa facturación reséntese porque cada vez máis xente adianta as súas compras de nadal para aproveitar estas rebaixas.
Queda, sen dúbida, a opción de poñer en valor os seus negocios e a atención personalizada que ofrecen, buscando fidelizar a súa clientela.
Esa é a base da campaña na que, impulsada pola iniciativa municipal Pontevedra Capital Shopping, participan preto de 200 establecementos da cidade entre os días 19 e 24 de novembro.
Con cada compra no comercio local durante esa semana, os clientes recibirán un boleto para participar nun sorteo de sete vales de compra de 100 euros.
A edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, explicou que esta campaña busca darlle unha "volta de torca" ao Black Friday e demostrar que en Pontevedra hai unha "paleta de cores moi variada" no pequeno comercio, con moita diversidade de produtos á venda máis aló dos "circuítos máis concorridos".
Ademais, Gulías sinalou que comprando no comercio de Pontevedra "facemos cidade", xa que os seus propietarios, ao pechar os seus establecementos, volven reinvestir o diñeiro que reciben noutros negocios do municipio.
Cada comercio participante terá liberdade para establecer os descontos que lles permitan as súas respectivas marxes de negocio.