O PP recolle suxestións para mellorar as sendas da PO-308
Por Oskar Viéitez
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, informou este martes das reunións que o grupo popular está mantendo con veciños e colectivos do municipio para darlles información e recabar propostas sobre o proxecto da Xunta de Galicia para a construción de beirarrúas e sendas sostibles na PO-308 entre Fontenla, en San Xoán, e Samieira, pasando por Combarro e Chancelas.
Nas últimas semanas recolleron as aportacións de veciños particulares e de responsables de colectivos ao proxecto da Xunta de investir cerca de 6 millóns de euros para dotar de beirarrúas e camiños sostibles desde San Xoán ata Raxó, reunións que continuarán durante o mes de novembro.
A primeira proposta en saír desas xuntanzas é a petición de que se estude a ubicación dun paso de peóns nas proximidades da subida ao Pereiro e Casalvito na Avenida da Seca.
Aseguran que actualmente non hai pasos de peóns nun tramo de 1,5 quilómetro entre A Seca e Combarro, e a instalación dun paso seguro beneficiaría a varios colectivos vulnerables, como escolares, persoas maiores, peregrinos e profesionais do mar.
O proxecto da Xunta, actualmente en fase de información pública, prevé unir con beirarrúas e camiños peonís e ciclistas a práctica totalidade da estrada, desde a rotonda das Bardancas (O Remo) ata as beirarrúas que xa están en construción entre O Covelo e A Granxa, no límite de Sanxenxo.