Unha delegación de concellos pontevedreses coñece a reconquista dos espazos públicos emprendida en Cataluña
Por Oskar Viéitez
Recuperar o espazo público para as persoas e facer cidades e vilas máis "vivibles" reducindo o uso do coche. Este está a ser o eixo das políticas de mobilidade dos concellos de Granollers, Terrassa e Sabadell visitados este luns pola delegación da Deputación de Pontevedra e doce concellos da provincia na viaxe de formación organizada pola institución provincial.
Os tres municipios cataláns agradeceron a visita pontevedresa e recoñeceron que unha das súas referencias de base para actuar é o 'modelo Pontevedra', que a día de hoxe tamén se está a implantar nas Rías Baixas, e que cualificaron como "unha filosofía de presente e futuro á que deben tender todos os municipios".
No concello de Granollers insistiron moito aos representantes municipais galegos en que debe haber determinación política para aplicar as medidas de recuperación e mellora das vilas.
Terrassa foi o primeiro concello catalán en ter un Plan de Mobilidade Sustentable en Cataluña, cuestión que agora é obrigatoria pola Generalitat. Da súa experiencia explicaron que para conseguir unha distribución do espazo público é preciso facer un maior esforzo para conseguir mellorar as redes de peóns e bicicletas facéndoas máis comprensibles, seguras e cómodas e espazosas.
Finalmente, a xornada rematou coa asistencia da delegación pontevedresa ao relatorio aberto á cidadanía do vicepresidente César Mosquera en Sabadell, onde xunto co concelleiro Demetrio Gómez e o xefe da policía local de Pontevedra, Daniel Macenlle, falou de "A cidade para as persoas" despois de varias reunións co persoal técnico municipal.