Pedaladas advirte de que a reforma de Loureiro Crespo empeora a mobilidade en bicicleta
Por Redacción
O proxecto de reforma integral da rúa Loureiro Crespo non convence ao colectivo Pedaladas en canto a que prevén que vai supoñer un aumento das beirarrúas que vai ter unha forte afectación á mobilidade en bicicleta.
Na súa opinión, o espazo público peca dun "claro defecto de planificación" da mobilidade xeral, pero, sobre todo, da mobilidade en bicicleta e dos vehículos lixeiros eléctricos, pois aseguran que van verse expulsados ás beirarrúas.
O colectivo é moi crítico e considera que o proxecto é un refrito da avenida de Lugo e consiste simplemente en suprimir un carril de circulación e dunha banda de estacionamento para anchear as beirarrúas ata que teñan un ancho de entre 4 e 7 metros.
Este tipo de deseño ocasiona, segundo Pedaladas, grandes problemas ao interromper itinerarios que usan as persoas en bicicleta. Suporá, na súa opinión, seguir a estela do que sucede en Médico Ballina, Rosalía de Castro e a avenida de Vigo, onde existe un deseño urbano que "desincentiva o uso da bicicleta e fomenta a conflitividade peón - ciclista".
Ademais, consideran que a densidade de tráfico motorizado que pasa por lugares sensibles e escolares colapsará a rúa da Estrada e, por extensión, dará problemas na rúa 12 de Novembro.
Ao quedar Loureiro Crespo cun sentido único de dirección cara ao centro da cidade, os ciclistas que pretendan acceder á avenida de Lugo, Montecelo, os servizos públicos de Juan Carlos I e toda a zona só teñen como posibilidade a rúa da Estrada, que vai estar saturada de vehículos. A forte costa arriba que presenta esa rúa vai ocasionar que os ciclistas usen as beirarrúas.
A rúa da Estrada vai colapsar cada vez que o colexio Sagrado Corazón teña entrada ou saída, pero ao longo do día van existir fortes colas no extremo da rotonda con Juan Carlos I.
Pedaladas ofrece alternativas para mellorar a reforma e pasan por dotar á rúa Doutor Loureiro Crespo dun carril bici contra sentido, evitar os tremendos atascos previsibles na rúa A Estrada usando unha planificación xeral da mobilidade do barrio e aplicar o modelo que máis crece en España e Europa, o das 'super mazás'.
O barrio do Castañal precisa un espazo urbano peonil de calidade, polo que peonalizar a rúa Loureiro Crespo e restrinxir o acceso e estacionamento a veciños, servizos e carga e descarga crearía un área de alta calidade urbana real no barrio.
En opinión de Pedaladas, isto non sucedería se o Concello de Pontevedra contara con Plan de Mobilidade Sustentable que analizase os fluxos de tráfico e marcase a estratexia de redución de tráfico motorizado cara á bicicleta, o transporte público e o desprazamento a pé.