Pontevedra volverá facer memoria o 12 de novembro para lembrar os fusilados do 36
Por Redacción
O avogado José Adrio Barreiro, o mestre Germán Adrio Mañá, o médico Telmo Bernárdez Santomé, o médico Amancio Caamaño Cimadevila, o xornalista Víctor Casas Rey, o mestre Paulo Novás Souto, o impresor Ramiro Paz Carvajal, o médico Luís Poza Pastrana, o mestre Benigno Rey Pavón e o capitán da garda de asalto Juan Rico González.
Dez nomes que xa son de sobra coñecidos en Pontevedra vencellados á triste historia da Guerra Civil e do ano do seu inicio, 1936, pero que nunca está de máis recordar. Eles son os dez que foron fusilados o 12 de novembro de hai 82 anos por defender o goberno lexítimo da República e os intereses da democracia e de Galicia e este ano volverán ser o centro da homenaxe organizada polo Concello de Pontevedra no día do seu asasinato.
Como xa ven sendo habitual cada 12-N desde hai 19 anos, organízase un acto de recordo e de memoria no monumento que lembra as vítimas do fascismo na rúa Doce de Novembro. Nesta ocasión, a cita será este luns 12 ás 20.00 horas.
Este acto de memoria e recordo empezou a organizarse no ano 1999 coa chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á Alcaldía e supón unha mostra de compromiso coa democracia, Galicia e a República e unha condena ao fascismo que os asasinou a eles e a centos de homes de mulleres que compartiron a súa causa.
Como nas edicións anteriores, as familias serán as protagonistas da homenaxe, na que ademais das intervencións institucionais haberá música e unha ofrenda floral.
Cabe lembrar que os dez foron sometidos a xuízo sumarísimo e condenados a morte por rebelión militar por defender a legalidade democrática a través do Comité en Defensa da República, con sede no Goberno Civil. Logo duns días de angustia e incertidume, foron fusilados na Caeira diante do mesmo piñeiro no que o 17 de agosto fora asesinado Alexandre Bóveda, acusado do mesmo delito de rebelión.
Relacionadas:
-
Música e palabra para combater o silencio e o esquecemento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra conmemora o seu Día da Memoria Histórica e berra: nunca máis outro 12 de novembro
Por Redacción |
-
Pontevedra mantén vivo o recordo dos fusilados en novembro de 1936
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra mantén vivo o recordo dos fusilados en novembro de 1936
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Candeas e flores en memoria dos dez fusilados o 12 de novembro
Por Diego Torrado |